II Concentración de Embarcacións Tradicionais de Betanzos.

O pasado sábado 2 de setembro, organizamos a II Concentración de Embarcacións Tradicionais de Betanzos. Unha cita que empezou sendo coorganizada o ano pasado en plan quedada por Barcos Tradicionais de Galicia, o C.N.de Ares e Os Patexeiros.

Este ano, Os Patexeiros asumimos a organización do evento, comandados polo anfitrión Javi Naveira, e incluímola no calendario de Culturmar (FGCMF) e tamén puntuable por asistencia para a Copa Balbina.

Só sete embarcacións nos decidimos este ano a facer a subida dos ríos Mero e Mandeo dende a súa desembocadura no Pedrido ata o porto vello de Betanzos.

O galeón Punta Pragueira saía do Porto da Coruña xa pola mañán cedo.

A flota patexeira conformada por A Desexada, Boaventura, Canouro e Leliadoura saía de Sada sobre as 12:30, cun pequeno retraso sobre o horario previsto.

De Ares saeu o Osorio, e do porto de Miño tamén saeu outro barco patexeiro, o bote Mendo do compañeiro Vicente.

Sen vento ningún, calma podre, houbo que facer uso do motor e remolcar ós barcos.


Xuntámonos sobre a unha e media á altura de Punta Xurelos para seguir ó barco guía, A Desexada, onde iba embarcado Naveira que nos indicaba o rumbo a seguir para non quedar cravados no limo.


A patrona Eva, levaba a caña da Desexada, guiando ó resto da flota.

As boias que sinalizan a navegación non sirven de moito, por non decir de nada, xa que o río e as maréas traballan a diario e as boias fai anos que non as revisan.

O máis complicado é pasar polas linguas de area próxima ó Pedrido, que según como esté a maréa e a altura da pala dos temóns, xa se sabe.......


Unha vez chegamos á altura do Pazo de Mariñán empezou a correr unha brisiña, co que os remolcados empezaron a pedir soltar amarras, e alá fomos a vela.

Era unha marabilla ver a flota Patexeira surcando a vela os Rios Mendo e Mandeo.


Incluso nos sacaron fotos dende o alto do val.


A navegación por este entorno, reserva da biosfera, sen a interferencia do ruído do motor, é indescriptible. Só había que mirar para as caras das tripulacións para darse unha idea.


E en pouco xa tiñamos á vista Betanzos.


A chegada dos barcos a vela a tan fermosa vila daba a sensación de atoparse noutros tempos pasados.


Nada máis arribar a flota ó porto vello, vimos chegar a Osorio, que non nos dera alcanzado antes.

Coma o ano anterior, o xantar convirtéuse nunha festa.


Grazas a un armador coñecido que nos cedeu a cuberta do seu barco para facer a festa todos xuntos.

Lacón asado, tortillas, empanadas, biscoitos, melindres, larpeiras e tartas,  regados con viños do país, cervexa e augas foi o noso banquete. E sobre todo risas, moitas risas.

Despóis da visita ós bares da ribeira, voltamos para o porto, xa que a baixa era ás 9 da noite.


Só dous barcos se quedarían para o día seguinte, O Punta Pragueira polo calado e a Boaventura por ser tan festeiros.

A volta foi de novo a motor pois o vento volveu a caer en picado.


Chegando ó Pedrido, encallada de algún barco, por non quitar a pala do temón a tempo. Nada preocupante, quitas a pala e continúas, xa que ainda non son maréas vivas.


Este ano non nos atopamos cas famosas ondas, onde choca o río co mar, que o ano anterior tivemos que surfear durante casi media hora.

Sobre as 9 e media da noite xa estábamos no Porto de Sada. Ó Osorio ainda lle quedaría un pouquiño máis para chegar á sua base de Ares.

Moi fermosa singladura. Animámosvos a todos a vir para o vindeiro ano.


Despois da participación nesta Concentración, a Clasificación xeral da IX Copa Balbina queda como sigue:

BARCO PUNTOS
CANOURO 95
ALBATROS 74
A DESEXADA 69
RABUDA 62
ABUR 59
LELIADOURA 46
A FEITUCA 33
BOAVENTURA 27
OSORIO 24
TREBÓN 29
HALINA A MERACHA 21
ARXIL 20
CAPRICHO 20
ARREDEMO 9
MARÍA XESÚS 5
PUNTA PRAGUEIRA 5
MENDO 5




Comentarios