Resumo da Regata de agosto da Copa Balbina 2015

O pasado sábado 29 de xuño organizamos nas augas de Sada a regata de agosto desta VII Edición da Copa Balbina de embarcacións tradicionais a vela.


Nesta ocasión fomos 10 as embarcacións que nos concentramos ás 5 da tarde fronte á rampa de servizo do CNRS.


  



O Abur e Sauntress de Redes, o Osorio, Arxil, Alivanta e Lola de Ares, Albatros de Perbes e A Desexada, A Feituca e o Arredemo da flota patexeira de Sada. Unha excelente participación para unha tarde cunha climatoloxía estupenda.


A regata estaba establecida a dúas mangas de dúas voltas cada unha a un campo de regatas cas boias situadas a barlovento - sotavento.


Na saída da primeira manga, o Arxil tomou a dianteira, seguido polo Abur que en seguida remontaría ata a primeira posición que xa non abandonaría en toda a manga. O terceiro en sair foi a dorna Albatros seguida de A Feituca, Sauntress, Lola, Alivanta, Osorio, Arredemo e A Desexada.


Varios barcos tiveron problemas nas viradas próximas á  boia de barlovento debido ós roles contínuos do vento.

A orde de chegada da primeira manga foi: Abur, a 2 minutos entraría o Sauntress, a 9 minutos a dorna Albatros, e logo Arxil, Alivanta, A Feituca, Lola, Osorio, A Desexada e por último o Arredemo tripulado como na primeira regata por Javier Aguado e fillo, que nesta ocasión non conseguiron aparellar tan ben o barco como na primeira regata en Sada.


Tras rematar a primeira manga, o Sauntres parteu raudo para Redes, non sabemos se porque pensou que a regata xa rematara ou se tiñan algo pendente en Redes. A Organización intentou poñerse en contacto con eles por radio sen conseguilo.


A segunda manga foi moi similar á primeira, co Arxil de novo saíndo de primeiro, seguido de Albatros, Alivanta e Abur, vese que os patróns casi respetan a orde alfabética dos seus barcos á hora de sair. Pena que os barcos Patexeiros A Desexada, A Feituca e Arredemo non se aproveitaran diso.


Tamén nesta segunda manga, houbo roles do vento, e a orde de chegada sufreu uns pequenos cambios foi casi clavada á primeira, ca salvedade da presencia do Sauntress.

Abur de primeiro, Aivanta de segundo a 6 minutos, seguido de Arxil, Albatros, Lola, Osorio, A Feituca, A Desexada e Arredemo.


O Abur presentóuse intratable nas regatas nas que participou e ten todas as papeletas para levarse a Copa Balbina 2015 para Redes.


Mala tarde para os barcos da flota patexeira que non conseguiron unhas boas posicións. Pablo e Pepe na Feituca foron os que mellor quedaron. A Desexada nesta ocasión foi patroneada por Ramón, un novo socio que xa se atreveu a levar a caña da Desexada na súa primeira toma de contacto co barco. Esperemos que siga mellorando. E como dixemos antes, Javi e fillo non conseguiron que o  Arredemo dese o resultado da primeira regata. Terán que poñelo a punto para a última que será a finais de mes.


Como novidade decir que A Desexada aparellaba nesta regata un foque e trinqueta cedidos polos amigos de Perbes, xa que o foque orixinal do barco rompeu na primeira cicloxénese da tempada. Volvemos de novo a reclamar públicamente un sitio seguro e asequible onde amarrar a flota de embarcacións tradicionais para evitar os danos ocasionados cada ano nos temporais.

Grazas a todos os barcos asistentes, xa que sen todos vós non sería posible facer isto.



E unha vez rematada a regata e xa cos barcos amarrados, un novo problema na Desexada xa que se soltou a fogonadura da cravazón facendo caer o mastro, menos mal que xa estábamos amarrados e cas velas recolleitas. Este ano temos este barco gafado, primeiro foi a rotura da pala do temón na primeira regata, logo tivemos que reforzar a quilla porque o temón novo facía moita forza nela, en Ares rompeu a horquilla da verga e fixémoslle unha verga nova, logo rachou o foque na cicloxénese e  agora soltóuse a fogonadura debido á podredume das puntas que a amarraban. Imos a arranxala para a última regata da Copa Balbina e prometemos darlle unha revisión xeral este inverno a todas as partes do barco.


Vémonos na última regata da Copa Balbina 2015 o día 26 deste mes de setembro.

En breve publicaremos a clasificación da Copa.

Palmeirán



Comentarios