Pequeno resumo do XII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia - Cabo da Cruz 2015

Xa rematou. Xa estamos de volta. 5 días de traballo, navegación, amigos e festa, sobre todo festa.

Os primeiros patexeiros chegamos a Cabo da Cruz, xa o mércores pola tardiña. Nos remolques levábamos A Desexada e a Leliadoura.


Empezamos a montar a nosa Zona Patexeira na carpa das exposicións, e deixámola casi lista pasada xa a medianoite. Intentamos cear nun mesón moi chulo camiño do camping, pero xa pecharan a cociña e alá nos fomos cara ó Náutico, onde ainda estaba ceando moita xente da organización e os amigos de Euskadi, que se nos presentaron, e alí coñecemos en persoa ó amigo do facebook, Iñaki Gómez, de Itxas Egurra Haizean, que tan sabios consellos nos dá cando nos vé facer unha cafrada carpinteira.




Despóis de cear tocou montar o campamento patexeiro no campo de fútbol, que rematamos xa pasadas as 2 da mañán.


Unha noite de vento moi forte que non nos deixou durmir. As tendas de campaña parecía que iban sair voando polo aire con nós dentro. Algunhas piquetas ata chegaron a zafarse e o ruxir das árbores do pinal do lado semellaba unha noite de temporal nos cantís de Corrubedo.

Ós rapaces que durmían na carpa non lles foi moito mellor. O ruído dentro da carpa era infernal, ferros batendo e a terra do campo de fútbol entrando a remuiños dentro da carpa. Que mal o pasaron esa noite.

Á mañán seguinte xa baixou un pouco pero ainda estaba duro, así que estivemos rematando de montar a carpa e botando os barcos ó mar e arbolándoos. Mentras o facíamos tamén chegaba nun trailer desde Croacia unha señora embarcación, que a tripulación descargou nun plis plas, coa axuda dun dos barcos bateeiros que nos facilitaba a posta no mar dos barcos.


A Leliadoura levámola sen probar a arboladura, o mastro ainda estaba sen cortar á medida e a antena collémola prestada do Arredemo, todo por poder estar presente neste XII Encontro.


Tampouco probáramos ainda a nova pala do temón da Desexada, que ten nada máis e nada menos que dous metros de longo, e non sabíamos como iba a responder.




Na navegación da tarde do xoves, saímos a probar a Leliadoura, pero o vento volvera a subir e sopraba moito para facer experimentos. A pesares das probas que fixéramos pola mañán con menos vento, pola tarde non conseguimos que a antena subira de todo e a vela non portaba ben. Ainda así saímos bastante ben do porto, pero por fora da escollera o vento zurraba moito e na primeira virada xa nos atopamos con problemas, que nos obligou a baixar a vela e intentar voltar a remos ó porto. Cousa que parecía imposible, pois había unha forte corriente que por moito que remábamos non nos movíamos do sitio, así que un amigo que pasaba por alí co seu veleiro nos remolcou ata que demos entrado no porto. Había que deixar as probas para outro momento.

Mentras, na zona patexeira da carpa, os xogos que levamos, da pesca selectiva e o das nasas do polbo foron un éxito e o noso chiringo estivo cheo de nenos toda a tarde, mellor dito, todos os días, atendidos pola nosa monitora patexeira Eva, que fixo migas con todos os nenos, adultos, e outros expositores veciños.


Pola noite, despóis de cear estupendamente, coma sempre, na carpa comedor, varios compañeiros de algunhas Asociacións sacaron de gaitas, tamboriles, pandeiretas e nos animaron a cea. Logo asistimos ó estupendo concerto de Lumieira, Xilbarbeira e os irlandeses The Skies.


O venres volvemos sair a navegar, esta vez só na Desexada. Unha xornada de navegación estupenda, cun vento ideal que nos levou a dar uns pases por Barraña, Escarabote, A Pobra e pasamos o sinal do Maño. Outros barcos da flota, foron algo máis lonxe, non deberon ler o programa, jajaja.

Foto de Pedro G.Losada
Mentras navegábamos vimos chegar á impresionante lancha poveira portuguesa Fe em Deus, coa súa inmensa vela latina e a súa impecable e adestrada tripulación.

Pola noite desfrutamos dunha estupenda proxección documental de Xurso Souto e Os gaiteiros do mar , no que nos rimos a escachar, e un fenomenal concerto de Treixadura polo seu 25 aniversario.

O sábado, foi o día de máis afluencia de tripulantes, e tamén saímos pola mañán a dar unha voltiña na Desexada, con pouco vento, e ás veces con encalmadas, que ó final da singladura nos obrigaron a sacar os remos ás embarcacións que non tiñamos motor, achegándonos á bocana do porto volveu a subir o vento e conseguimos entrar a vela. Unha navegación tranquila pero moi relaxante e bonita.


Miguel e Ana sacaron a navegar ós pequenos patexeiros na Leliadoura.

 
Na zona patexeira da carpa seguía a contínua afluencia de nenos que se pelexaban por coller unha das seis canas de pescar que tiñamos preparadas para meter nas patelas os ollomoles, rodaballos, xardas, robalizas que había no mar patexeiro. Iso sí, obligábamolos primeiro a identificalos e a medilos no cartaz, e a descartar os que non deran a talla, ainda así algúns non nos facían moito caso e arrasaban o mar con tal de encher a patela, esperemos que non se comporten así de grandes. A monitora Eva facía o posible por controlalos pero estaban entusiasmados, algúns pais tiveron que botar casi toda a tarde na carpa esperando a que os rapaces pescaran, que non se querían ir.


Esa mesma mañán dous patexeiros tamén trouxeron por terra outro dos nosos barcos, a dorna Boaventura, que se unía así á flota patexeira desplazada a Cabo. Finalmente non poidemos levar A Feituca por non dispoñer de transporte para todos os barcos. Iso sí, o seu patrón, Pablo, si acudiu traendo a Boaventura.



Para a tarde do sábado anunciaban ventos de forza 5-6, pero ás 3 da tarde nada presaxiaba ese vento, pois había calma podre.



Ás 5 da tarde levamos a Leliadoura ó bautizo de saúda ás novas embarcacións, e empapóuse de viño mencía igual ca outras 4 compañeiras que naceran nestes últimos dous anos, dende o último Encontro do Freixo.

Cando quixemos voltar a remos para o seu amarre, xa o vento subira e facíasenos moi difícil chegar.

Saeu a navegar A Desexada e moitos máis barcos pero o vento era moi forte, e algunhas dornas volcaron, outras embarcacións tiveron problemas diversos, enganche con cabos, boias, toques con outros barcos, roturas de agullas, e mesmo arrimadas á escollera, pero non houbo danos maiores.





Tanto a comida como a cea do sábado foron multitudinarias, e a carpa comedor estaba petada, sendo difícil sentarnos xuntos, unha tripulación tan numerosa como a nosa. Chegamos a ser 17.





Pola noite, estupendo concerto das cantareiras Nunca é tarde, as mozas de  O Aquel de Aquelar, e os fenómenos Radio Cos, de Quique Peón e Xurxo Fernándes cun impresionante Pedro Lamas ós ventos.

Longa noite, demasiado longa para algúns que a prolongaron ata a mañán seguinte.

O domingo pola mañán, de novo a navegar na Desexada. Un vento ideal para navegar, o día estupendo soleado. Algúns patexeiros desertaron a navegar nun veleiro deses de "plástico", como lle chamamos nós, e parecía que iban encantados, a ver se se nos van a pasar ó lado oscuro !!!!!


Mentras, a Boaventura quedaba amarrada ó pantalán porque a noite foi demasiado longa para a tripulación que a iba a levar ese día.

Última comida na carpa con todos os compañeiros das distintas asociacións que asistiron a este XII Encontro. Tripulacións de Croacia, Rusia, Irlanda, Escocia, Inglaterra, Portugal, Málaga, Catalunya, Euskadi e de distintas partes de Galiza que estivemos presentes en Cabo estes días, recibimos un agasallo da Organización deste Encontro, e despóis da despedida, empezaron a sair xa moitos barcos. Uns por mar e outros por terra.


Seguro tamén que algúns se quedan uns días por aquí disfrutando desta marabillosa Ría de Arousa.

Moitos días de festa, moitos amigos que pasaron pola zona patexeira a saudarnos. Moitos barcos preciosos, moitas tripulacións estupendas que nos fan sentirnos moi pequeniños ó seu lado.

Impresionante a jabega de Málaga, La Vendaval, coa súa tripulación perféctamente uniformada.


Os amigos Pat e Jackes, do Tyboat que quixeron navegar con nós pola Ría de Ares-Sada-Betanzos, pero non demos coincidido neses días, subiron polo río Mandeo ata Betanzos, e logo viñeron por mar ata Cabo da Cruz, e que tivemos o pracer de falar con eles e intercambiar impresións.


Tamén como dixen nun principio, un pracer falar co amigo e gran carpinteiro de ribeira, Iñaki Gómez da Asociación Itxas Egurra Haizean. Iñaki, por favor, danos sempre os consellos que creas pertinentes. Nós sempre atendemos a eses consellos.


Fenomenal a exposición da Faktoria Albaola de Euzkadi, que montaron nun tempo record e cunha organización impresionante. Moito temos que aprender os patexeiros !!!!!!

E pensamos que, como non, o noso AMIGO, Pepe do Osorio, de Ares, tamén se merece un párrafo enteiro neste resumo. Por vir dende Ares por mar ata Cabo, na súa buceta, co seu neto Brais. Por ser un lobo de mar. Por ser un bó amigo dos patexeiros e que luce a nosa camiseta por todos os lados ós que vai. E por ser como é!!!! Pepe, xa sabes que che queremos e che respetamos!!!!!! A ver se Brais, xa que non colleu moza en Cabo, a ver se se vai facendo coa caña do Osorio e o vemos nas regatas da Copa Balbina.

  Foto de Pedro G.Losada

Grazas enormes á organización deste XII Encontro por facelo tan ben, a Gerardo Triñanes por atendernos todas as peticións que lle fixemos e por axudarnos coa vía de auga da Leliadoura. Grazas a todos os amigos que pasaron polo noso posto na carpa a saudarnos, e moitas grazas ós que nos axudaron mercando algunha cousiña. Ó veleiro que nos remolcou cando non dábamos chegado ó porto. A Xocas, porque sempre sabía quen nos podía resolver os problemas. Grazas ós cociñeiros por darnos tan ben de comer e tan barato. Un millón de grazas ós voluntarios que nos asistían tanto no mar como en terra e na carpa comedor, sodes os mellores!!!!. Grazas ó patrón do Santa Elena por poñernos os barcos no mar e de novo en terra. Moitísimas grazas ás dúas guapas rapazas que atendían a cantina da zona de acampada e que nos daban de almorzar todos os días, casi a pedir de boca, sempre traían o que lles pedíamos, que si Cola Cao, que si torradas, que si mermelada, etc...(que pesadiños somos). Grazas ó pobo de Cabo da Cruz por acollernos estes días. E como sempre, seguro que nos falta alguén por darlle agradecementos.

Por último, grazas a tod@s @s patexeir@s que colaboraron para poder facer esta expedición a Cabo da Cruz levando tres barcos da Asociación, e atendendo a zona patexeira na carpa.

Recollemos os bártulos e voltamos para Sada, Coruña, Lorbé, .....


Vémonos no XIII Encontro que terá lugar en ......... (teremos que esperar para sabelo.).

P.D. Tedes moitas máis fotos no noso Facebook.

Comentarios