Os Patexeiros na Parrocheira 2014

A embarcación, A Desexada, dos Patexeiros, tripulada por Javier, Pablo, Dolores e Jaime asisteu o pasado sábado, día 13 de setembro á XXII Concentración de Embarcacións Tradicionais Parrocheira 2014 en Ferrol.

Foto de Arturo Montero

Como xa ven sendo habitual dende o noso nacemento aló polo ano 2009, Os Patexeiros somos fieis a esta cita, que todos os anos cubrimos, ven cos nosos barcos, ou como tripulantes no Punta Pragueira dos compañeiros da AAETG da Coruña.


Ó longo destes anos, o Arredemo, a dorna Boaventura, e A Desexada, foron tendo presenza no Muelle de Curuxeiras para participar na festa dos nosos amigos de Ferrol.

Este ano, tiñamos previsto asistir con dúas embarcacións, pero finalmente por falta de patróns, tivo que quedarse A Feituca en Sada.

 A Desexada, que saeu o sábado sobre as 11 da mañán de Sada, sen vento ningún, tivo que recurrir nesta ocasión ó motor para chegar ata Ferrol.


Á altura de Ares quedaron con Pepe do Osorio para facer esa parte da travesía xuntos.



O xantar tivo lugar a bordo do Calagraña e do Ría de Ferrol, que agasallaron ás nosas tripulacións cunha boa pinchada.

 Foto de Arturo Montero

Xa pola tarde, (descoñecemos se deixaron durmir ou non a sesta a Bedoya), fíxose a saída de navegación, na que participaron unhas quince embarcacións de tipoloxías variadas, clásicos como o Calagraña, o trincado Ría de Ferrol, botes de Ribadeo, botes das Rías Altas, botes pulpeiros, dornas, medias construccións, etc....

  Foto de Arturo Montero

Os aparellos que lucían variaban entre latinas, cangrexas, ó tercio, relinga, marconi, e latinas con martelo.

  Foto de Arturo Montero

Coma sempre, un dos máis espectaculares co aparello é o Osorio, de Pepe, que aquí vedes na imaxen con foque, trinqueta, maior ó tercio, escandalosa e un velacho de mesana.

  Foto de Arturo Montero

Dende aquí volvemos a insistir e animar a todos a participar nas distintas regatas e concentracións que teñen lugar nas nosas Rías, para que se siga mantendo a atención nestas embarcacións. É moi importante, participar nestes eventos e estar unidos en todo o que nos afecte ás embarcacións tradicionais.

Parte da tripulación da Desexada, así como o Osorio, pasaron a noite en Ferrol, trouleando e durmindo a bordo dos barcos, para voltar á mañán seguinte.



A volta a fixeron a vela, ainda que con pouco vento.



Por suposto, tiñamos espías dispersos pola costa para asegurarnos que viñan dereitiños para a casa.

  Foto de Andrés García


A crónica facémola en terceira persoa porque a tripulación de turno da Desexada acabou tan folgada que ainda non tiveron nin tempo de pasarnos a súa crónica, que por certo, ainda non perdemos as esperanzas de que nola pasen e subila para complementar ésta.

Palmeirán

Comentarios