Barcos ó mar - Festa da botadura - Día das Letras Galegas
A Desexada e a LeliaDoura saían a última hora da mañán por estrada dende Lorbé rumbo a Sada.
Tivemos que apurar moito os tempos e no caso da pintura fíxose moi a última hora, co que tivemos algún problemiña de "chorreos" no caso da Leliadoura, ó estar sumerxida día e medio e non ter secado ben o alquitrán co Xylazel.
Uns preparativos de última hora en Sada, colocarlle o rótulo co nome á buceta Lelia Doura, e retocar a patente fixo que nos demoráramos uns minutiños sobre o horario previsto.
Xa ás 17:00 había varios convidados arredor da rampa de Sada onde estaban a Boaventura e a Desexada, e tamén na Escola de vela onde se atopaba a LeliaDoura.
Sobre as 17:30 chegou o grupo de Gaitas de Cántigas da Terra que nos acompañarían durante este acto, tocando varias pezas con sabor mariñeiro.
Un pouco despóis fixemos saída en procesión dende a Escola de vela do CNRS ata a rampa, seguidos dos gaiteiros que empezaron a súa actuación cunha peza que non podía estar mellor escolleita:
Lévame, lévame, lévame,
lévame á veira do mar....
A xente que estaba paseando polas inmediacións do paseo marítimo de Sada uníasenos á procesión e a Leliadoura facía levantar a ollada a todos os paseantes, que quitaban de teléfonos móbiles para inmortalizar a ocasión.
Os gaiteiros seguiron interpretando pezas mariñeiras durante o percorrido e no mesmo momento da botadura dos barcos.
Empezamos cos agradecementos ós 29 alumnos e ós mestres que participaron na construcción da buceta, lendo o nome de todos eles, e continuamos coa entrega dos diplomas ós alumnos do último curso.
(Desta parte da festa, ainda non teño fotos, porque como eu estaba de predicador, non podía ó mesmo tempo estar coa cámara na mán, e xa sabedes que pásoche, pásoche as fotos, pero a estas horas e as fotos sen chegar, así que vai sen elas e logo xa as subiremos).
De seguido Dani Carballo, que estivo patroneando a caña da LeliaDoura durante toda a procesión, fixo de padriño e regou a cuberta cunha botella de cava. Queríamos facelo con viño galego pero o que tiñamos nese momento non daba a talla, e nos decantamos polo cava.
E ó son de "Cantiga Mareira" alá foi a LeliaDoura bicar o mar da Ría de Sada.
Démoslle uns paseíños a remo mentras se botaban o resto das embarcacións, A Desexada e a Boaventura.
Como estaban bastante abertas, tanto a LeliaDoura, como A Desexada, despóis de dar uns paseíños a remo para que todos as visen, e cando xa a auga no interior nos subía polas canelas, foron amarrar ás súas boias para quedar a inchar uns cantos días máis, mentras que a dorna Boaventura saeu a dar unha voltiña a vela.
A festa continuou cunha gran merenda a base de mexilóns, tortillas, empanadas, chourizos, biscoito e galletas, todo regado con viño, cervexas e refrescos. Xa sabedes, que Os Patexeiros somos xente de fartura.
Alí estiveron moitos dos protagonistas da construcción da buceta, varios Patexeiros e numeros amigos, que viñeron ata do outro lado da ría, acompañarnos neste fermoso e importante día. Seguro que coñecedes a máis de un nas fotos.
Jaime estivo volcado en todo momento ca festa, montando mesas, izando bandeiras, cocendo os mexilóns, recollendo ás tripulacións na zodiac, etc... Un verdadeiro crack.
E sobre as 10 da noite demos por rematada esta I Festa da botadura - Día das Letras Galegas, que logo continuamos na do Pescador, sede oficial da Copa Balbina.
Tamén, como non podía ser, queremos rendir homenaxe a Díaz Castro no Día das Letras Galegas, cun dos seus poemas.
Un paso adiante e outro atrás, Galiza,
e a tea dos teus soños non se move.
A espranza nos teus ollos se espreguiza.
Aran os bois e chove.
Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
Pro ti envólveste en sabas de mil anos,
e en sonos volves a escoitar a chuva.
Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, ¡ Xesús María!,
e toda cousa ha de pagar seu desmo.
Desorballando os prados como sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
¡ Un paso adiante e outro atrás, Galiza!
Para o ano, máis e sobre todo con máis barcos. Cada ano un máis polo menos.
Palmeirán
Comentarios
Publicar un comentario
Fainos teu comentario aquí ou envíanos un correo a patexeiros@hotmail.com