AGALCARI FINALISTA NOS PREMIOS NACIONAIS DE ARTESANÍA
Dende a ACM OS PATEXEIROS, queremos felicitar a AGALCARI (Asociación Galega de Carpintaría de ribeira) por resultar finalista nos PREMIOS NACIONAIS DE ARTESANÍA, na categoría PROMOCIONA, para entidades privadas. Unha estupenda labor a destes mestres carpinteiros que se vé recoñecida a nivel estatal.
E como non, tamén felicitar ós gañadores, o OBRADOIRO DE GAITAS SEIVANE, polo premio e por levar tantos anos levando a cultura galega polo mundo e facendo unhas gaitas excelentes.
Deixámosvos aquí o comunicado oficial, por se vos interesa:
"O OBRADOIRO DE GAITAS SEIVANE GAÑA O PREMIO NACIONAL DE ARTESANÍA
A candidatura, que se fixo co máximo galardón no certame convocado polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, contou co apoio da Xunta
A Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari) resultou finalista na categoría Promociona para entidades privadas
A Artesanía de Galicia ten unha ampla presenza cada ano nos Premios Nacionais de Artesanía, que supoñen un recoñecemento á alta calidade do produto artesán galego
Madrid, 25 de marzo de 2014.- O obradoiro de gaitas Seivane fíxose esta mañá co máximo galardón dos Premios Nacionais de Artesanía, nos que a Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari) resultou finalista na categoría Promociona para entidades privadas, contando as dúas candidaturas co apoio da Consellería de Economía e Industria.
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, asistiron á cerimonia de entrega no Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo duns galardóns promovidos pola Fundación Española para la Innovación da Artesanía (Fundesarte) nos que a Artesanía de Galicia ten unha importante presenza cada ano. Estes premios teñen como finalidade dar o recoñecemento institucional ao máis alto nivel a aqueles profesionais e iniciativas artesás consideradas como excelentes e exemplares no campo da artesanía contemporánea.
O obradoiro de gaitas Seivane, premiado na categoría de Premio Nacional de Artesanía, ten a súa orixe en 1939 cando o seu fundador, Xosé Manuel Seivane Rivas, elaborou a súa primeira gaita, nunha época na que moi poucas persoas reunían a dobre condición de construtor de gaitas e gaiteiro. Os seus fillos, Álvaro e Xosé Manuel, seguiron os seus pasos e decidiron traballar xuntos no taller familiar, impulsando así unha empresa pioneira en Galicia que modernizou os sistemas construtivos e que investiga todos os aspectos relacionados coa gaita para ofrecer un produto de calidade. Na actualidade algúns netos do fundador traballan no negocio familiar, asegurando así a continuidade dun oficio con décadas de tradición.
Pola súa banda, a Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari), con sede en Boiro, resultou finalista no Premio Promociona para entidades privadas. O traballo da asociación caracterízase por manter viva a tradición na construción de embarcacións de madeira ao tempo que incorpora as últimas innovacións aparecidas no mercado. A súa aposta é conservar o saber facer dos carpinteiros de ribeira e adaptalo ao contexto dunha economía sostible, conservando o seu valor cultural, e promovendo a divulgación e o uso do patrimonio marítimo.
O presidente de Agalcari é o artesán Gerardo Triñanes, de Asteleiros Triñanes, un obradoiro que na anterior edición dos Premios Nacionais de Artesanía resultou finalista na categoría Premio Nacional de Artesanía. Nesa mesma edición a Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, resultou gañadora na categoría Promociona para Entidades Públicas, un galardón co que se resalta o traballo da Xunta no apoio aos artesáns galegos.
SAÚDOS, GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA"
Comentarios
Publicar un comentario
Fainos teu comentario aquí ou envíanos un correo a patexeiros@hotmail.com