PECHANDO O ANO

Pois alí estivemos o pasado sábado.

O Salón de Plenos do Concello de Sada rexistrou unha boa entrada. Ainda así botamos en falta a moita xente que tiña pensado vir, a outra que xa nos dixo que non podían por outros compromisos, e a outros dos que non soubemos nada deles.

Tocóume a facer a presentación, máis non son home de falar en público, cousa á que me vou afacendo pouco a pouco vistas as veces que me toca levar adiante esta tarefa.

Empezamos facendo unha pequena presentación da nosa Asociación, porque ainda que a meirande parte dos asistentes ben nos coñecían, tamén  había algunhas persoas que pouco oíran falar dos Patexeiros.

Seguindo a ésta, pasamos a proxectar un pequeno resumo das actividades que levamos adiante neste ano 2012 que está a piques de rematar. Un ano que non foi o máis prolífico en actividades para os Patexeiros dende o seu nacemento, por mor de adicar moito do noso tempo ás reparacións nos barcos, máis ainda así organizamos eventos e asistimos a concentracións.

Rematada a explicación das actividades demos paso a unha presentación con imaxes da pasada edición do Curso de carpintaría de ribeira onde moitos dos presentes se recoñecían nas mesmas e lles facía recordar as boas tardes pasadas.

Seguindo, fixemos a entrega dos diplomas do curso. Entregáronnos os dous mestres, Pepe e David.



A cara de felicidade de moitos dos alumnos, a de orgullo dos mestres e os moitos aplausos dos asistentes caracterizaron esta pequena entrega de diplomas.


Tocóulle logo o turno á proxección dun resumo de imaxes correspondentes á Copa Balbina. Imaxes que nos falaban da súa creación dende uns bocetos nunha libreta, das súas regatas e dos seus campeóns.

De máns do vicepresidente da FGCMF, Xaquín, fixemos a entrega de trofeos correspondentes ós tres primeiros clasificados.

José Antonio, do Arxil, de Ares, como terceiro clasificado, non pudo asistir á entrega. Témosllo gardado para darllo noutra ocasión.

A segunda praza na clasificación foi para Juanjo Díaz, patrón do Alivanta, tamén de Ares, que aproveitou para dar as grazas ós Patexeiros por facer eventos como éste para que as embarcacións tradicionais sigan vivas. 
E como non, entregamos o trofeo como primeiro clasificado, e a Copa Balbina ó gañador desta edición, Jaime Paz, dos Patexeiros, polo que a Copa se quedará un ano máis en Sada, exposta no Bar Pescador.

Prometémoslles ós asistentes que para o vindeiro ano seguiremos organizando a Copa Balbina, e modificaremos o reglamento para mellorar varios puntos e non haxa lugar a dúbidas.


Chegou logo o turno do representante da FGCMF, o vicepresidente Xaquín Lores, de explicarlle ós asistentes qué é a Federación, como naceu, etc.



que os asistentes escoitaron moi interesados e fixeron que Xaquín fose un contertulio moi solicitado á hora dos pinchos.
A continuación, Xaquín fíxonos unha pequena presentación do vindeiro Encontro do Freixo-Outes, e para que os asistentes que nunca estiveran nun, tiveran unha idea do que realmente era un Encontro, pasamos o vídeo do pasado Encontro de Carril, mentras non chegaba a actuación do grupo de gaitas.





Para rematar o acto, contamos coa colaboración do grupo de gaitas da agrupación Cántigas da Terra, que nos deleitaron con varias pezas do seu repertorio.
 



Pechando a súa actuación nos deixaron co mel nos beizos con esta bonita peza titulada Cantiga mareira da que non puden resistirme a subir un cachiño para que a escoitedes.


Houbo xente que chegou tarde, e para compracelos, fixémoslle unha ceremonia de entrega personalizada.

E para non irnos para a casa cos ollos cheos de imaxes, os oidos cheos de boa música, e o estómago vacío, convidamos a todos os asistentes a unha gran pinchada no Bar Pescador, custodiados en todo momento pola Copa Balbina que nos vixiaba por se algún se pasaba co viño e coa cervexa.

As croquetas, tortilla, empanadas e calamares foron animando os asisntentes, ¿ou sería o líquido acompañante?, que estiveron platicando ata xa ven pasadas as 10 da noite que nos fomos algúns para a casa.

Descoñecemos se o Pescador tivo que botar fora a algúns dos grupos que ainda alí quedaban ou se quedaron acampados na esquina da barra ata o día seguinte.

Queremos dar as grazas a todos os amigos que nos acompañaron, ós alumnos do curso de carpintaría, ós mestres Pepe e David, ós participantes da Copa Balbina,  a Xaquín, á FGCMF por enviarnos a Xaquín, ós amigos de Cántigas da Terra por facernos disfrutar coa súa música, ó Concello de Sada por cedernos este estupendo Salón de Plenos, a Xylazel por axudarnos, e a todas as nosas familias por aguantarnos ó longo do ano e apoiarnos coas nosas tolerías patexeiras que nos quitan moitas horas ó seu lado.

Palmeirán


Comentarios

  1. Moitas grazas a vos polo voso traballo, e por organizar o evento e dar a coñecer a Federación. Foi unha tarde moi agradable.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Fainos teu comentario aquí ou envíanos un correo a patexeiros@hotmail.com