Coincidencias da vida
Recordaredes que fai un par de meses vos dábamos conta nesta páxina da operación de rescate dun vello motor Larrán varado nunha praia. Como vos comentábamos daquela, fixéramos o rescate por motivos sentimentais ó tratarse dun motor da marca Larrán, e por motivos ecolóxicos para manter limpa a praia. Fai uns días falando cuns mariñeiros no porto de Lorbé levámonos ademáis unha grata sorpresa ó intentar averiguar de qué barco procedía aquél motor. Pois non volo ides a crer, pero ese motor pertencía ó NELOS, o barco xemelgo da nosa BALBINA, que se fora contra as pedras hai xa varios anos a causa dun forte temporal. O Nelos pertencía ó mesmo armador que a Balbina e tamén se adicaba á captura do patexo. Podédelos ver xuntos nesta foto dos anos 50 na praia de Sada. O que é a vida, rescatámolo sen saber que era da familia. Agora xa forma parte do Museo Patexeiro. Palmeirán