Case lista

O pasado venres pola tarde, estiven rematando de calafatear a quilla da Desexada, que quedou lista. E tamén cortei o sobrante do perfil de galvanizado que colocáramos na quilla. Tiña que parar a miudo por mor da choiva.

Xa o sábado pola mañán, Roberto estivo pintando a cinta de estribor e dándolle tamén uns retoques de pintura á obra morta.

Eu púxenme a facerlle estas pezas da popa, para sustituir ás que quitamos cando cambiamos parte do espello de popa, e que non se atopaban en bo estado.

Tamén tivemos que parar varias veces cando lle daba por chover.

Pola tarde chegou Francisco e se puxo a darlle a patente ata onde nos chegou o material. Queda pendente darlle unha segunda man.

Outro socio que se achegou a Lorbé foi Miguel Marta, que se puxo a pintar o espello de popa e logo a retocar partes do casco. En canto rematou con ese traballo púxose a lixar o temón, e unha vez feito, dóulle unha man de alcatrán.

Eu acabei de darlle unha man de alcatrán ás pezas que coloquei na popa e logo dinlle unha segunda man de ocre á cinta de estribor.

Para rematar a tarde, Miguel e máis eu nos puxemos a colocar un tramo de verduguillo da cuberta que quedaba por facer.

En canto se acabe de darlle a segunda man de patente, pintarlle o folio e de fixar os flotadores que colocamos, xa está lista para botar ó mar a inchar.

A ver se a mediados desta semán se poidera facer, dependemos un pouco do remolque.

Témola que ter lista para acudir á cita de Redes o vindeiro día 21.

Palmeirán 


Comentarios