Evolución do curso de carpintaría

A semán pasada non vos fixen resumo do curso de carpintaría, así que o xunto co desta semán.

O pasado sábado 17, os alumnos adicáronse, baixo a supervisión dos mestres, a empezar co reforzo transversal da buceta.

Se nas xornadas anteriores se adicaron ó reforzo lonxitudinal, metendo os cintóns, agora lle tocaba ós bancos, que reforzan moito a estructura e ós baos das cubertas de proa e popa.

Nese sábado deixaron colocado un banco e o bao donde remata a cuberta de proa.

Ademáis tamén cortaron e deixaron dispostos para cravar o resto dos baos das dúas cubertas e o outro banco.

A estas alturas do curso, os alumnos xa forman un bo grupo de traballo, con bastante autonomía, xa non dependen para todo dos mestres e fan eles a maioría dos traballos.


Onte, nunha nova xornada, continuaron asentando e cravando todos os baos.
Colocaron o segundo banco e cortaron e dispuxeron todos os medios baos na súa situación, para o seguinte día deixalos todos asentados e cravados..

No tempo de descanso,  un dos alumnos, Ángel, invitóunos a unha degustación duns licores que elabora él mesmo, e que casi todos probamos e demos fé de que os fai moi ben. Tanto, que se podería adicar profesionalmente á súa elaboración. Tamén para completar a merenda nos invitou á comida preferida de Homer Simpson, uns donuts que sabían a gloria a esas horas da tarde.

Ó rematar a xornada, a buceta lucía un impresionante aspecto.

Nota para os que entren por primeira vez a este blog: A buceta é o barco que figura en primeiro plano da imaxen, non ten nada que ver co poster do fondo no que vos estades fixando, ainda que o google traductor vos diga o contrario.

Esta é a parte de popa cos seus baos xa colocados.
A vindeira semán, en teoría debería rematar o curso, pero varios alumnos mostraron a súa intención de continuar para poder ver o resto das operacións que faltan: como se coloca o trancanil, a sorraina, como se empeza a poñer o forro, etc...

Así que, falaremos cos mestres e iremos alongando o curso un mes ou dous a demanda dos alumnos que queiran continuar. Tamén faremos un chamamento a alumnos de outros modulos xa rematados, por se están interesados en ver esta parte da construcción e se queren unir a este pequeno módulo adicional, que de facerse, comenzaría despóis da Semán Santa, e prolongaríase polo menos 4 ou 5 xornadas máis.

Manterémosvos informados ó longo desta e da outra semán, en canto saibamos horas e prezos adicionais.


Palmeirán.

Comentarios