Quinta xornada do segundo curso de carpintaría

Ola de novo. O curso de carpintaría xa rematou o sábado 20 pero ainda están pendentes os artigos/apuntes das duas últimas xornadas.

O frasquiado

Na quinta xornada vimos como facer o frasquiado. O frasquiado é a técnica que nos permite determinar a forma que vai ter un bance do forro. As ferramentas que se usan son:
  • A frasquia: unha regla de madeira longa, moderadamente ancha e fina.
  • Un compás.
No caso dunha restauración pódesenos dar o caso de querer reemplazar unha soa táboa do forro, neste caso temos perfectamente delimitado o ancho da táboa. No caso dunha nova construcción non teremos esa referencia e é aí onde entra o ollo (bon criterio) do carpinteiro para decidir o ancho dos bances. A groso modo podemos decir que a maior curvatura do casco máis estreitos deben ser os bances.

Durante unha nova construcción tamén se poden simular as posicións dos bances con listóns finos e marcar as posicións. Esto é recomendabel se carecemos do bo criterio dun carpinteiro profesional e nos queremos asegurar de que que a taboazón queda ben distribuida.

Os bances adoptan formas distintas según a ubicación. No seguinte gráfico podemos unha esaxeración das formas típicas das táboas do forro.

Supoñamos agora que queremos sustituir unha táboa do casco. Temos as taboas superior e inferior como referencia para o ancho:
  • Pasamos unha regla de madeira fina (frasquia) polo oco sen forzala, deixando que doble de forma natural e fixámola ás cadernas con puntas.
  • Cunha regla ou un listón curto e dereito de madeira facemos marcas verticais como mímino no centro de cada caderna. Marcamos a taboa superior, a frasquia e a inferior. Pódense facer marcas adicionais.
  • Escollemos unha das táboas como referencia. Por exemplo a inferior.
  • Picamos o compás no centro da frasquia, sobre a marca e medimos a distancia ata a táboa de referencia. Sempre hacia o exterior do forro.
  • Transladamos a distancia á frasquia e marcamos un arco.
  • Hai que identificar o punto en que se picou o compás e máis o arco. O punto adoita a marcarse rodeandoo cun círculo e o arco atravesándoo cunha raia.
  • A continuación mídese co compás a separación entre as táboas, colócase a punta do compás no mesmo punto de antes (o que marcamos cun círculo) e trazase un segundo risco que marcaremos con duas raias.

Esta operación hai que facela para todas e cada unha das marcas. Feito esto xa case podemos transladar a frasquía ao tablón do que sacaremos o bance para facer os pasos inversos.

Outra medida que hai que tomar son os ángulos que forman as táboas que xa temos no forro con respecto á cuaderna. Estos mesmos ángulos haberaos que transladar á nova táboa para que encaixe. Os ángulos mídense cunha falsa escuadra pequena e vanse pintando nunha taboa (adoita ser a regla que usamos para facer as marcas iniciais). É importante ter estas medidas antes de marcar a taboa por se se gaña madeira.


Para carpintaría de ribeira as falsas escuadras normais son demasiado grandes, por esto cada carpinteiro fai escuadras de tamaño máis pequeno. Na seguinte foto podedes ver unha das escuadras de Pepe.
Pódense facer estas escuaderas de maneira doada usando un cacho dun metro de carpinteiro vello ou, como fixen eu, cunha folla de serra de ferro vella remachando os furados dos extremos cunha punta e un par de arandelas.

Para transladar a forma á taboa debemos retirar a frasquia e colocala sobre a mesma. Axustaremos a posición para aproveitar a madeira ao máximo pero de xeito que haxa sitio para marcar todos os puntos. Os pasos que hai que dar son os inversos de antes:
  • Marcar liñas verticais no tablón que se corresponden coas marcadas na frasquia.
  • Tansladar os puntos marcados cunha raia na dirección que tomáramos de referencia.
  • Tranladar o ancho tomando como base o punto marcado no paso anterior.
  • Finalmente únense os puntos con un listón flexibel.

Feito esto pódese cortar a táboa case coa forma definitiva. A futura traca fíxase na mordaza do bancho e tállanse uns testigos cos distintos ángulos que deve levar todo ao longo. Un carpinteiro profesional fai esto coa aixola, pero pódese usar perfectamente unha trencha. Cun cepillo únense os rebaixes tendo tino de non comer madeira na cara que queda fixa (a de fora).

Se a traca que estamos facendo se vai instalar nunha parte curva (o que pasa case sempre) deberemos baleirala coa axuda dun cepillo que ten a sola cóncava. Este cepillo especial chámase bucel.


Unha vez que se copea a traca co bucel xa se pode colocar. É normal que unha vez posta sobresaia lixeiramente. Esto corríxese pasándolle o cepillo para eliminar as aristas.


Localización dos varadoiros:

Os varadoiros son uns reforzos que levan as embarcacións no casco sobre os que descansan cando están en seco.

Para localizar a zona do casco onde se deben colocar so hai que pousar unha taboa na quilla e o punto onde toca no costado do barco é onde se instalará o varadoiro.

As madeiras empregadas en carpintaría de ribeira:

Para construcción naval as madeiras idoneas son aquelas que de xeito natural teñen resistencia á podredume, insectos xilófagos, etc. Madeiras coma o cedro americano, o teixo (en extinción), a teca e diversas madeiras exóticas teñen velenos naturais que inhiben a actividade biótica.

Outras madeiras son moi apropiadas polas suas características mecánicas. O olmo, o freixo e a acacia son madeiras moi boas para a construcción de cadernas (sobre todo se son combadas con calor).

Con todo a utilización destas madeiras en carpintaría de ribeira e meramente testimonial. Nalgúns casos por prezo e en moitos outros por falta de dispoñibilidade no mercado; non hai á venta madeira de acacia, olmo nin moitas outras.

Porén nalgunhas zonas como Ferrol si hai constancia da utilización de madeiras exóticas en carpintaría de ribeira. Dalgún xeito a presenza dos estaleiros militares facilitaban o acceso a estas raras madeiras.

Mención aparte merece a madeira de teixo, esta árbore está case en extinción por mor dunha sobreexplotación na idade media. Era unha madeira de gran importancia bélica, con ela fabricábanse os mellores arcos. Con todo sábese que os romanos apreciaban a madeira de teixo para a construcción naval. Non é de extrañar pois trátase dunha madeira que non podrece nin é atacada por xilófagos por ser sumamente velenosa.

Un caso semellante aconteceu coas nogueiras. A sua madeira era de grande valor para a fabricación de escopetas e a sobreexplotación privounos da sua outrora abundante madeira.

A carpintaría de ribeira galega como actividade artesanal emprega madeiras producidas localmente, sobre todo piñeiro e carballo. Cando se fala de piñeiro do pais non nos estamos a referir a ningunha variedade concreta, senón a unha madeira dispoñibel localmente xa sexa pinaster, insignis, radiata, etc. A mellor madeira de piñeiro (do pais) é a de pinaster.

A madeira de carballo úsase para todas as partes que esixen rixidez como son a quilla, roda, cadernas, baos, ...

O piñeiro úsase principalmente para o forro entre outras cousas porque dobla moi ben.

Proba da utilización de madeiras dispoñibeis localmente é que nos últimos anos se ven utilizando madeira de eucalipto para partes que tradicionalmente se empregaban as de carballo (quilla, baos, ...).

Hai que ter coidado coa mistura de madeiras, sobre todo cando se empregan variedade exóticas. Certas combinacións de madeiras poden facer que apareza podredume polo simple contacto. É mellor traballar sempre con combinacións de probado resultado (carballo-piñeiro) ou, en caso de dúbida, pintando as superficies que ian facer contacto.

As calidades da madeira

Hai uns criterios estandarizados que clasifican a calidade da madeira como de primeira, segunda ou terceira. Estos critérios baseanse na resistenza e están orientados ao sector da construcción.

Cando se fala de madeira de primeira nun aserradoiro non nos estamos a referir a estos criterios senón á parte da árbore da que saiu a táboa. Primeira torada, segunda torada, etc. A madeira de primeira é a mellor porque carece normalmente de nós.

Os nós da madeira son resultado de ter crebado algunha pola, o resto de madeira que queda pouco a pouco sera reabsorvido pola árbore. A groso modo hai dous tipos de nós, os vivos e os mortos. Os nós vivos son os que xa foros reabsorvidos pola árbore e os mortos son os máis recentes. Os nós mortos distínguense pola cor negra que teñen e non poden ser empregados en construcción naval porque un mínimo golpe pode facer saltar o resto da pola crebada e deixar un burato de xenerosas proporcións. A continuación podedes ver o aspecto dun no morto:

Cortes da madeira:

Hai múltiples maneiras de cortar unha torada. A máis sinxela consiste en cortar ao longo coa torada sempre na mesma posición. Esto resulta en unhas táboas moi anchas no centro da torada pero de mala calidade. Estas táboas teñen tendencia a alabear e a fender.

Hai outras maneiras de obter táboas de maior calidade coa contrapartida de que son máis estreitas e consisten en ir rotando o toro según se vai cortando. É dicir, sácanse taboas de catro caras da torada.

Hai que lembrar que sempre hai que descartar a albura da madeira porque non é duradeira.
Isto é todo por hoxe. No vindeiro artigo falaremos de como transcurriu a derradeira xornada do cursillo e das conclusións que sacamos.

Saudos patexeiros.

Comentarios

  1. Vaya trabajo os habéis tomado!. Pero el resultado es excelente. Enhorabuena.

    ResponderEliminar
  2. Faise o que se pode e agradécense os comentarios. O certo é que da bastante traballo poñer por escrito o que se veu no curso, porque moitas cousas que se crian entendidas hai que repensalas moito para ser capaz de explicalas.

    Saudos e a ver se nos vemos na gala.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Fainos teu comentario aquí ou envíanos un correo a patexeiros@hotmail.com