Segunda xornada do curso de carpintaría

O pasado sábado foi o segundo día do curso de carpintaría. Este día David non estaba asi que quedabamos en mans de Pepe e, como é home de acción, tivemos unha clase 100% práctica.



Os obxectivos da clase eran un pouco ambiguos, o único que estaba claro era que iamos comezar a desfacer o bote. Para elo botamos man dunhas ferramentas que non usáramos o primeiro día: o martelo e a pata de cabra.



Sen pensalo demasiado puxémonos ao choio montando unha escena que debía ser bastante caótica pois cando chegaron uns rezagados botaron as mans a cabeza e soltaron comentarios de tipo: "pensaba que víñamos a aprender a construir, non a destrozar".

En menos dunha hora rematamos de desmontar o bote do trancanil para arriba sen ter que lamentar máis danos ca un pequeno corte nun dedo e un durminte medio roto que se supoñía que tíñamos que deixar intacto. Tamén retiramos o espello de popa porque estaba en mal estado.



Co bote xa desfeito tomamos medidas da estampa de popa e fixemos unha plantilla. Pepe aprendeunos a tomar o cartabón (ángulo do bisel) para que a peza encaixara. Una vez cortada a peza hai que desbastar o bisel, comezando coa serra de calar e rematando con cepillo.



É importante ter en conta que todas as pezas de madeira que vaian ir unidas de canto teñen que ser cepilladas á man porque a serra e o cepillo eléctrico deixan pequenas irregularidades que son despois imposibeis de estancar.



Unha vez feita a estampa comezamos cos baos. No taller Pepe amosounos as plantillas que xa ten feitas para elaboralas pero explicounos como marcalos sobre o tableiro se non tivesemos plantillas. Os baos teñen forma de parábola moi aberta e son máis grosos no centro ca nos extremos. A curvatura que toman os baos coñécese como brusca.



O carpinteiro cortou varios baos en bruto e nós fómolos rematando a base de cepillo, feito esto pasabamos ao bote para tomar medidas e cortalos do longo axeitado.



Mentras parte da xente estaba cos baos comezamos tamén cos bancos. A medida dos bancos tómase igual ca a dos baos: primeiros dados a volta para marcar a onde chega o extremo superior da cuberta e despois dándolles un xiro de 180º ata deixalos na posición definitiva. Unha vez feitas todas as márcas lévase ao banco e fanse os cortes. Se ao final todo encaixa clávanse no bote. Os bancos poderían ser simplemente uns tablóns, pero Pepe pasounos pola tupidora para facerlles un fresado ao longo. Esto é unha especie de marca da casa.



Rematamos a xornada con dous bancos e dous baos xa instalados. Dos que faltan xa están case todos preparados, so falta medir e instalar.

O vindeiro sábado máis e mellor.

Saudos Patexeiros.

Comentarios