II SINGLADURA NO TINA HUSTED: RIAS DE SADA E A CORUÑA


O pasado domingo día 17, o capitán do Tina Husted, David, invitóunos a varios amigos (ó final xuntámonos 21) a facer unha singladura de peche de tempada a bordo do seu barco.

Zárpamos sobre as 11:30 da mañán do porto de Sada a motor, xa que non había vento.

O capitán pregunta se nos parece ben tirar cara a Coruña e xantar alí no muelle. E como ben é sabido que onde hai patrón non manda mariñeiro, pois todos estivemos de acordo.

A travesía de ida foi moi agradable.

Luis probou sorte ó curricán a ver se caía algunha xarda, pero parece ser que dende que o tío Mini co seu Bote de Pau visitou estes caladeiros arrasou con todas.

Era o bautismo de mar para algúns e supoñía O paso da Marola para moitos.


Ó chegar á altura da Marola sacáronse as fotos pertinentes para deixar constancia de tal feito, comparable "disque" co paso do cabo de Hornos (sacándolle lobos, claro). E ó igual ca o paso por ese cabo, a Marola tamén otorga os mesmos privilexios: mexar contra o vento (alá cada un), poñer un pendente na orella (algún xa o levaba posto da casa), e a non descubrirse diante dos reis (iso dase por suposto porque Martiño non quita a gorra nin diante do Papa).


Chegamos cerca das dúas da tarde ó muelle da Coruña e amarramos alí.



De repente empezaron a sair de debaixo das táboas unha cantidade de manxares dignos dun festín medieval: empanadas, tortillas, chourizos, pasteis de espinacas, rosquillas, flan de café, etc.... E os máis deliciosos brebaxes: sidra (imposible escanciar co vento que se levantara), sangría, cervexas de todas as cores, viño, e outros líquidos. Banquete completo, banquete Comansi.



Pero a fame era negra, e papóuse case que todo o que había na mesa improvisada. Todos os pratos tiveron alabanzas, non era para menos, @s cociñeir@s dedicáranlle moito tempo e cariño.




Todos os veleiros que entraban no porto nos miraban con envexa (¡¡¡ lástima dun cacho desa empanada !!! pensaría algún)



Pasadas as 4 da tarde soltamos amarras e unha vez fora da dársena empezamos a izar o velamen. Toda a tripulación foi colaborando. As máis novas na mesana e o resto na maior e no foque.

Destacar a participación das dúas tripulantes máis pequeniñas do barco, Bruna e Eva que tanto facían de proel como se poñían ó temón.



Unha vez saímos da ría a cousa cambiaba, o vento sopraba ben e había algo de mar de fondo. Algunhas caras empezaron a virar a tonos esblancuxados, pero a maioría aguantaron o tipo. Houbo que sair bastante fora para coller o rumbo de entrada á ría de Sada.

Ainda non chegados á altura de Lorbé veu ó noso encontro Jaime coa Zodiac a darnos a benvida e a ver se sobrara algo de comida. Pouco lle tocou, apenas unhas cantas rosquiñas.

Aproveitou para facernos unhas fotos. Este home é un fenómeno, co mar e vento que facía, mañexaba cunha man o motor e coa outra unha cámara réflex dixital. Todo un crack.


Xa máis dentro da ría o mar melloraba e as caras retomaban o seu aspecto pero o frio íase impoñendo xa que o Sol facía varios minutos que se puxera.

Chegamos ó pantalán xa sendo bastante noite.


Gracias a David por invirtarnos a un día estupendo no mar en compaña de xente estupenda, boa comida e bebida. ¿qué máis se pode pedir? ¿haber enganchado algunha xarda?

Tedes maís fotos da singladura no noso album de fotos.

(Esta singladura levóuse a cabo o domingo 17 de outubro pero non se puso no blog ata hoxe para non solapar o Curso de Carpintaría)

by Palmeirán

Comentarios

  1. Para cando facedes a próxima saída no Tina Hosted?Un ribeirán de Fiobre e a súa muller apúntanse

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Fainos teu comentario aquí ou envíanos un correo a patexeiros@hotmail.com