COMENZOU O II CURSO DE CARPINTARÍA DE RIBEIRA


Este sábado dou comenzo o II curso de carpintaría de ribeira e mantemento de embarcacións tradicionais que organizamos os Patexeiros.

O primeiro día, e a falta de algúns inscritos que comenzarán o vindeiro sábado, presentáronse no taller de Pepe 12 alumnos con moitas gañas de aprender os segredos deste arte milenaria que é a carpintaría de ribeira.


Empezaron por recibir unha charla de David (o mestre) sobre as ferramentas e as súas técnicas de afiado. Xa que ben sabido é que ter unha ferramenta sen afiar e como non tela, ademáis de que moitos accidentes se producen por non ter a ferramenta ben afiada e facer demasiada forza con ela.


Todos pasaron polo esmeril coas súas respectivas trenchas. David explicóulles como distinguir unhas boas trenchas feitas cun bo aceiro rico en carbono e unhas trenchas de centro comercial, fixándose entre outras cousas nas chispas que botaban ó pasalas polo esmeril.


O esmeril acaparou moito a atención dos nosos alumnos, algúns probaron en varias ocasions.


Logo déronlle o repaso coa pedra de afiar, que tamén ten a súa ciencia, quitáronlle as barbas e as deixaron listas para o traballo.



Seguídamente viron como se afiaba o serrón utilizando a costela ou codal e como comprobar se está ben afiado simplemente tocándoo co dedo.



Tras as prácticas de afiado chegou o momento de ver se realmente estaban ben afiadas e todos fixeron cortes co serrón. Aquí o mestre carpinteiro Pepe foi o que os puxo a proba.


Fixeron unha mortaxa coa trencha, uns con máis técnica ca outros. Había algunhas que merecían un 10, outras se quedaban nun lixeiro aprobado, pero esto xa se arranxará de aquí a finais do curso.Tamén todo hai que decilo, ós primeiros lles tocou un pau de castiñeiro, e os últimos o fixeron cunhas pezas de carballo do país, e claro, non é o mesmo.


Todos estiveron ocupados con cadansúa peza de madeira.



Chegou o momento do cepillado coa garlopa.


Notábase os alumnos aventaxados, que asistiron ó primeiro curso que organizamos, que conseguían sacar unha viruta longa e contínua.

A vindeira semán empezarán a meterlle man ó Arrecarallo, o bote de prácticas da Asociación, que intentarán deixalo, unha vez rematado o curso, listo para ir ó mar. A ver se o conseguen.


O curso promete.

by Palmeirán

Comentarios